Saturday 04 de May de 2024

A Xunta apoia o obradoiro de emprego de Rianxo para ampliar as oportunidades laborais de 20 persoas nas especialidades de albanelería e instalación e mantemento de xardíns


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá aos alumnos de “Arcos Moldes”, acompañado do alcalde da localidade, Adolfo Muíños

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou aos participantes no obradoiro de emprego “Arcos Moldes” de Rianxo, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración co Concello desta localidade. No acto Rodeiro estivo acompañado polo alcalde da localidade, Adolfo Muíños. O obradoiro de emprego de Rianxo conta con 20 alumnos-traballadores e cinco persoas que desenvolven a súa actividade como monitores, director e persoal administrativo. Todos eles son os encargados de desenvolver, ao longo de seis meses, o acondicionamento de diversas zonas do municipio rianxeiro. Con este fin a Xunta achegou 179.134,20 euros.

O proxecto formativo actúa no acondicionamento e mellora o parque da urbanización Martelo, da praza da Atalaia, da zona verde de Tanxil, do Paseo Marítimo ata a praia da Torre, do paseo fluvial do Té, do Paseo da Ribeira, da área recreativa de Laxe, da Alameda, dos arredores da piscina, e da contorna do pavillón municipal. Tamén está a acometer o acondicionamento para oficinas municipais dun edificio na parte superior da Alameda, e mesmo o mantemento do parque empresarial do polígono de Té. O obradoiro forma aos alumnos-traballadores nas especialidades de fábricas de albanelería e de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes.

Rodeiro destacou estes programas mixtos de formación e emprego porque “aportan formación eminentemente práctica” ao tempo que son “unha oportunidade para as persoas que se atopan nunha situación de desemprego”. Con estes obradoiros a Xunta pretende ampliar as oportunidades laborais das persoas desempregadas. Ao remate do obradoiro tanto a experiencia formativa como a actividade laboral desenvolvida polos beneficiarios seralles acreditada cun certificado de profesionalidade, plenamente vixente e oficial.

O delegado territorial lembrou que na provincia se puxeron en marcha outros 23 obradoiros de emprego e oito de Garantía Xuvenil, para menores de 30 anos, sumando 600 alumnos beneficiados e un investimento de 5.328.130,7 euros. Rodeiro lembrou que, no conxunto da provincia, son un total de 72 concellos os que ao longo dos últimos meses desenvolveron ou están a desenvolver algunha destas iniciativas.